Os Bolechas arrincan en Laxe as súas ‘Xornadas en igualdade’

Xornada de Igualdade cos Bolechas_Cedida

  • Desenvolveranse durante dous días e inclúen rueiros, espectáculo de monicreques e reparto de material didáctico

A nova proposta dos Bolechas denominada “Xornadas en igualdade” arrinca este venres en Laxe. Trátase dunha xira ambiciosa que levará a mensaxe da igualdade e a prevención da violencia de xénero a seis municipios galegos, entre os que se atopan as localidades de Chantada, Taboadela, Val do Dubra, Rodeiro e A Rúa.

A actividade desenvólvese en dous días consecutivos: no primeiro os Bolechas corpóreos saudarán aos cativos, e no segundo os monicreques actuarán nunha función para achegarlle ao público a importancia de crear un mundo máis xusto e igualitario. A través da obra “Os Bolechas e o cavernícola”, creada especificamente para transmitir esta mensaxe, o público aportará as súas ideas para axudar aos monicreques a desbotar os comportamentos “cavernícolas” dun personaxe moi peculiar, ensinándolle a importancia de respectar a todas as persoas independentemente do xénero, raza ou crenza.

Ademais dos rueiros e a función, os Bolechas deixarán en cada vila material didáctico para traballar dun xeito moi divertido o tema da igualdade desde as primeiras idades.