Os Bolechas educan en igualdade aos máis pequenos de Vimianzo

CEDIDA

  • O obxectivo principal deste libro é educar en igualdade aos máis pequenos, pero tamén poñer en valor os monumentos e lugares do municipio

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade, Ensino e Mocidade, María José Pose e a Concelleira de Cultura,Turismo e Promoción Económica, Rosa Blanco, veñen de presentar o libro Os Bolechas no Asaltiño de Vimianzo, un proxecto financiado polo Pacto do Estado contra a violencia de xénero.

Neste conto, os famosos personaxes infantís creados polo debuxante e guionista Pepe Carreiro, viven unha experiencia única mentres visitan puntos emblemáticos do municipio e desmontan estereotipos sexistas moi enraizados na sociedade.

Aínda que o obxectivo principal deste libro é educar en igualdade aos máis pequenos, tamén se poñen en valor lugares únicos como os Batáns do Mosquetín, o Dolmen Pedra Cuberta, o Castro das Barreiras, o Carballo de Cereixo, os Penedos de Pasarela e o Castelo de Vimianzo.

Para Mónica Rodríguez, a edición deste libro é un recurso educativo no que traballar coas novas xeracións na igualdade entre homes e mulleres, no respecto entre persoas independentemente do seu sexo, e sempre contra a violencia de xénero.

O Concello editou 1000 exemplares deste libro-guía, que distribuirá entre os nenos e nenas que participan no Vimiverán, na Biblioteca Municipal, nos centros escolares do municipio e nas bibliotecas de Galicia para que tódolos nenos e nenas galegos coñezan da man dos Bolechas Vimianzo e a singularidade do Asaltiño Ao Castelo.