Gaza sufriu a xornada máis sanguenta desde que comezaron os bombardeos israelís en resposta aos ataques con foguetes de milicias palestinas. Polo menos 42 persoas morreron este domingo nos ataques aéreos do Tsahal, entre as vítimas había 10 nenos e 16 mulleres, segundo fontes palestinas. Tres grandes edificios quedaron reducidos a entullos. Tamén varias vivendas de líderes de Hamás. Unha semana de violencia deixou polo menos 188 mortos ao lado palestino e 8 do israelí. A maioría das vítimas son civís.
Este domingo, o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, afirmou que «a campaña militar contra» as milicias de Gaza «seguirá coa máxima forza». Unhas milicias de Hamás e da Yihad Islámica palestina que lanzaron máis de 3.000 foguetes contra o territorio israelí, poñendo a proba o seu sofisticado sistema de defensa antimísiles, alcumado «cúpula de ferro». En numerosas localidades israelís, a convivencia entre árabes e xudeus deteriorouse notablemente, producíndose enfrontamentos rueiros día tras día. No barrio de Sheik Jarrah de Xerusalén un coche embestiu un posto de control ferindo a seis policías. O condutor foi «neutralizado», segundo o comunicado das autoridades israelís.