Os bombeiros comarcais quéixanse da súa situación profesional e vanse á folga

2 minutes read

Dende as 00:00 horas deste xoves e por tempo indefinido, o parque de Bombeiros Costa da Morte comezou unha folga secundada por todos os bombeiros comarcais de Galicia, é dicir, dos consorcios de A Coruña, Lugo, Pontevedra e Ourense. Quedan suspendidas temporalmente as visitas ós colexios, os simulacros preventivos nos eventos, reténs… Só se atenderán as emerxencias e necesidades urxentes que se vaian dando no día a día. Tamén deixarán de facer horas extras voluntarias. Establécense servizos mínimos: haberá un retén de 3 bombeiros diarios e só se farán as tarefas recollidas nas súas funcións como bombeiros.

Reclamacións materiais

Segundo afirman nun comunicado: “Os bombeiros do consorcio da Coruña estamos abandonados en canto a equipamento e material se refire:

Temos un parque móbil antigo onde o 90% dos vehículos están chegando ós 20 anos (coas constantes avarías e tempo de inoperatividade que iso supón). Roupa desgastada e sen reposición, traxes de intervención desgastados e roupas de augas remendadas porque non hai máis. Os materiais que van a revisar e non pasan as revisións técnicas son declarados non aptos e retirados (o que rompe desaparece do servizo), sen reposición. As luces e rotativas seguen sendo amarelas cando todos os servizos de emerxencias de Galicia xa mudaron cara as azuis. Pola norma de seguridade que iso conleva, e xa van 5 anos dende a entrada da normativa. Levamos anos sen inversións reais no servizo, non sabendo que pasa cos orzamentos anuais asignados para os Bombeiros. Onde están os cartos se non se gastan?. Resumindo, a única xestión a día de hoxe consiste: Pagar as facturas dos gastos básicos, arranxar os vehículos e cubrir as posibles ausencias de persoal por incapacidade, permisos e nada máis.

Condicións dos traballadores

“Os bombeiros comarcais realizamos anualmente 1.800 horas de traballo máis as horas extras a maiores (que non son poucas), cando calquera empregado público de Galicia realiza 1.664 horas anuais. Non temos complementos como festividades, toxicidade, nin asuntos propios e sufrimos descontos nás nóminas por enfermar e coller a baixa. E para rematar queremos deixar claro á cidadanía o valor que nos teñen os políticos en Galicia, porque en caso de morrer en acto de servizo ou quedar inválido para o resto da nosa vida recibimos, mais ben reciben os nosos fillos, nada máis e nada menos que a xenerosa cantidade de 24.000 euros”.

“Esperemos que os cidadáns nos entendan por poñernos en folga, máis non queríamos chegar a isto, pero o maltrato a este servizo é constante e non nos deixan outra”, conclúen.