A través da chamada dun particular, realizada pasadas as 7 da mañá deste luns, o 112 Galicia tivo coñecemento dun sinistro na Avenida de Alfonso Molina, na Coruña. O alertador informaba dunha colisión trala que un dos vehículos implicados rematara envorcado.
Dende o 112 coordinouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros e da Policía Local da Coruña, da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento das estradas.
Así pois, o persoal dos Bombeiros, que se desprazou ao punto con celeridade, tivo que realizar labores de excarceración a fin de retirar á persoa ferida do vehículo, quen sería, finalmente, trasladada a un centro hospitalario polo persoal dos servizos sanitarios, que foran mobilizados a bordo dunha ambulancia.
Unha vez rematada a intervención dos equipos de emerxencias, os operarios de mantemento das estradas encargáronse da limpeza do asfalto para restablecer a circulación o antes posible.