Dende que se abriu o campaña o pasado 8 de novembro e ata o 31 de decembro, data de peche, 19.537 persoas adquiriron un total de 44.153 bonos que logo empregaron no pequeno comercio, a hostalaría e o Mercado de Abastos. O balance final reflicte que o programa xerou un importe total en compras por valor de 3.942.113,73 euros, dos que se beneficiaron os 567 establecementos de Santiago adheridos ao programa: 484 comercios e 83 negocios de hostalería.
O programa de “Bonos Corazón Compostela” naceu cunha dobre finalidade. Por unha banda búscase incentivar a demanda axudando economicamente ás persoas consumidoras, fomentando o consumo no comercio e na hostalería de Santiago; e por outra, impulsar e fortalecer o sector comercial dinamizando a súa actividade económica.
Con esta finalidade, este ano plantexouse unha convocatoria máis ampla, con respecto á tipoloxía de establecementos comerciais que se poden adherir, ao contemplar tamén o sector da alimentación; e tamén se contou cun orzamento de 1.250.000 euros, que duplica ao do ano pasado.
No máis de mes e medio que durou a campaña Bonos Corazón Compostela, desde o seu arranque o 8 de novembro ata o seu peche o último día de ano, tras a ampliación do programa a comezos de decembro, a web contabilizou 44.153 bonos descargados, que deixaron un total de 3.942.113,73 euros en vendas nos establecementos composteláns acollidos a esta acción. Confírmase así o éxito dunha das iniciativas municipais máis aprezadas, tanto pola cidadanía como polo comercio e hostalería da cidade, que bate récords nesta última edición superando de forma significativa os 1.484.513,57 euros xerados pola primeira campaña de 2021.