O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a orde pola que se dá continuidade durante o mes de xaneiro de 2023 á redución do 50 % das tarifas do transporte público interurbano de competencia da Xunta. Viaxar en bus entre concellos galegos seguirá custando a metade ata o mes de xullo. A Xunta e o Estado manteñen a bonificación, para aliviar os petos e fomentar o transporte público.
O pasado martes, o Consello de Ministros aprobou unha prórroga do desconto do 30 % ao transporte autonómico para o ano 2023 e subliñou que se pagará só ás comunidades autónomas que se comprometan a ampliar a bonificación ao 50 % do prezo.
A rebaixa do 50 % no billete está asegurada. O que non está confirmado é se a empresa Monbus vai seguir facendo o desconto adicional que permite, por exemplo, viaxar por menos dun euro entre A Coruña e Vigo. Unha medida para atraer usuarios do bus ante a gratuidade do tren.
Canto ao bus urbano, o Goberno central manterá a axuda do 30 % só naquelas cidades que acheguen un 20 % adicional. Así que serán os concellos, igual que fixeron as comunidades, os que decidan se van seguir coas reducións.
Caso diferente é o dos buses de longa distancia, que pasarán a ser gratuítos para os viaxeiros recorrentes a partir de febreiro.