Os Cadernos Ramón Piñeiro súmanse á homenaxe do centenario da revista «Nós»

1 minutes read
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou o novo volume da colección titulado “Dentro de Nós mesmo e a rente ou ao redor”.

Fundada o 30 de outubro de 1920, a revista Nós foi impulsada e dirixida por Vicente Risco co obxectivo de reivindicar a cultura propia de Galicia a través do estudo científico e da creación literaria. O pasado 2020 cumpríronse 100 anos do lanzamento da célebre revista Nós. Nun ano adicado a loar e conmemorar esta importante efeméride, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) quere renderlle tamén a súa propia homenaxe no marco da colección Cadernos Ramón Piñeiro dedicándolle a súa edición número XLII, Dentro de Nós mesmo e a rente ou ao redor. Este caderno, que recolle ata 38 colaboracións, foi presentado na Sede do CRPIH polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade recordou que “a revista Nós é un referente interxeracional na divulgación cultural, científica e lingüística galegas sen o cal sería imposible imaxinar a Galicia que coñecemos hoxe.” Sinalou, ademais, “o importante labor que os intelectuais de Nós levaron a cabo na normalización do uso do galego, un dos elementos vertebradores do boletín”.