Os callos de Carnés presentes de novo nunha das feiras gastronómicas máis importantes do estado: Madrid Fusión

1 minutes read

A xornada abriu coa presentación das Gallegas de Nata da Coruña e continuou coa Fabada Galaica de La Despensa D’Lujo de Coristanco, elaborada con compango de porco celta e acompañada, na súa suxestión de presentación, de pan de broa de millo corvo. Esta combinación serviu para achegar física e gastronomicamente dous alimentos tradicionalmente vinculados tamén no cultivo, xa que a planta da faba trepa polo millo.

Outro dos momentos destacados foi a presentación da ventresca de bonito do norte da Conserveira, elaborada con manteiga de Galmesán. Desde ambas empresas salientouse a súa relación de colaboración ao longo de anos, así como o uso neste prato dun subproduto da elaboración do queixo ao que se lle dá valor e un novo aproveitamento culinario.

Fabián Mouzo e Lara Alvarellos participaron no posto da Deputación da Coruña en varias demostracións gastronómicas con callos de Carnés, este prato tan típico do territorio soneirá, así como coas albóndegas de atún vermello en salsa verde. Ambos emprenderon un proxecto conxunto hai agora 365 días chamado O Camiño Fala, en Mazaricos, un hotel boutique con habitacións e restaurantes. Mouzo e Alvarellos reivindicaron a cociña tradicional, «da avoa», para tratar os «excelentes produtos» desta terra, ao tempo que cualificaron a riqueza do Atlántico como unha auténtica despensa «de luxo».