Os centros cívicos coruñeses reabren ao público


O Concello da Coruña reabre ao público os centros cívicos municipais, que recuperan a súa actividade habitual de antes da pandemia. Todos os espazos abrirán no seu correspondente horario de verán, que se pode consultar no portal web municipal.

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, destacou a relevancia de “volver abrir estes equipamentos, agora que a situación o permite, para poñelos ao dispor da cidadanía”. Neira lembrou que o Goberno de Inés Rey ten por obxectivo reforzar o labor desta rede municipal que é de vital importancia para as persoas dos diferentes barrios da cidade. Estes edificios públicos son epicentro para moitas e moitos veciños das súas relacións interpersoais e retomar a súa programación é esencial para o seu día a día.

Desde a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación indican que o funcionamento e xestión dos espazos será idéntico ao que se realizaba antes do estado de alarma, e que a única diferenza é que se controlarán as capacidades dos centros cívicos como medida de seguridade para evitar contaxios da Covid-19.