Os centros residenciais recibiron 400 dispositivos para a comunicación dos usuarios coas súas familias

Centros residenciais de maiores, atención á discapacidade e de menores de Galicia recibiron máis de 400 teléfonos móbiles e tablets para facilitar a comunicación dos usuarios cos seus familiares durante as medidas de confinamento que se están a producir durante a emerxencia sanitaria.

Estes dispositivos, que foron cedidos por Cenor electrodomésticos, a compañía telefónica Orange, a Fundación Profuturo e Fundación La Caixa, serven para manter o contacto entre os residentes e as súas familias, xa que a situación derivada da emerxencia sanitaria impide as visitas nos centros residenciais desde o pasado 16 de marzo como medida de precaución para evitar contaxios.

Con esta achega procurouse dar solución a unha situación que preocupaba ás persoas que viven nos centros residenciais de servizos sociais e as súas familias. Aínda que se intensificou o contacto telefónico nestes centros, decidiuse dar un paso máis e facer uso dos avances tecnolóxicos para que poida producirse tamén un contacto visual.

Ademais, esta doazón de dispositivos móbiles convértese nunha mostra máis da solidariedade que todo o tecido social galego está a amosar nesta pandemia, xa que desde o primeiro momento puxéronse en contacto coa Administración autonómica para facer chegar a súa axuda.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha