Os ciclistas do PC Baikers do Vilán conquistan Suíza tras completar os case 1.000 km da súa ruta de irmanamento

2 minutes read

O pelotón do PC Baikers do Vilán vén de alcanzar unha nova meta internacional. A expedición ciclista camariñana completou os case 1.000 quilómetros da súa 3ª Ruta de Irmanamento, logrando o obxectivo de unir a pedaladas a localidade francesa de La Turballe coa cidade de Delemont, capital do cantón suízo de Jura.

Á súa chegada a Suíza, os deportistas viviron un momento emotivo. Foron recibidos de xeito oficial no concello de Delemont polo concelleiro de Deportes da cidade, Claude Schlüchter, nun acto que contou cunha banda sonora moi especial e con acento galego grazas á actuación do grupo de gaitas Galiza Celta Delemont.

O equipo que logrou esta fazaña deportiva estivo formado por cinco ciclistas da comarca e a contorna: Alberto Más (Camariñas), Jairo Prieto (Camariñas), Manuel Oreiro (Vimianzo), Luis Salgado (Vimianzo) e Alberto Damil (Oleiros).

A súa aventura arrincara días atrás en La Turballe, onde o alcalde da localidade e os membros da asociación de irmanamento La Turballe-Camariñas foron os encargados de dar o sinal de saída oficial. Ademais, como mostra de confraternidade, varios ciclistas locais de La Turballe acompañaron aos nosos deportistas durante esa primeira etapa.

A viaxe definiuse como unha experiencia única que os levou a atravesar Francia, rodando incluso por tramos emblemáticos de etapas do Tour de Francia. O percorrido estivo marcado polas mostras de agarimo institucionais; de feito, ao finalizar a quinta etapa en Bussang, os ciclistas tamén foron recibidos polo alcalde e os membros do goberno local, un acto que simboliza e reforza os lazos de irmanamento con La Turballe.

A vista posta en Italia para o 2027

Desde o PC Baikers do Vilán amósanse profundamente orgullosos por ter completado esta terceira edición das súas viaxes de irmanamento. Tras chegar a La Turballe no 2023 e a Peniche (Portugal) no 2024, a conquista de Delemont consolida este proxecto deportivo e cultural.

Lonxe de frear, o club xa ten a vista posta no seu próximo gran obxectivo: a 4ª Ruta de Irmanamento terá como meta a localidade de Novedrate, na provincia de Como (Italia). O propósito seguirá sendo o mesmo que o primeiro día: compartir o deporte, a cultura e as tradicións alí por onde pasan, deixando en cada quilómetro un cachiño da Costa da Morte.