A cita será do 23 ao 26 de febreiro, con catro etapas, unha por provincia, e xa está confirmada a participación do Team Movistar e do Jumbo Visma co vixente campión do Tour, Jonas Vingegaard.
Coma se de auténticos peregrinos se tratase, o pelotón ciclista do Gran Camiño 2023 concluirá o seu roteiro na meta xacobea por excelencia: a Praza do Obradoiro, nunha gran festa deportiva aos pés do edificio monumental da Catedral de Santiago que converterá á capital galega en epicentro do ciclismo mundial.
Nesta edición, o arranque será en Lugo, con inicio na Muralla Romana da capital provincial e final en Sarria; para pasar despois á etapa de Pontevedra, que arrincará na histórica cidade de Tui para subir ao alto inédito en ciclismo profesional de Santa Trega. A etapa reina, unha vez máis, será en Ourense, con inicio en Esgos e final en Valdeorras, para render homenaxe aos territorios afectados polos incendios. Para concluír, A Coruña estará representada por unha etapa contrarreloxo entre Novomilladoiro e a Praza do Obradoiro, en Santiago.