Os colexios de Fene contarán con programas sobre a igualdade e a prevención da violencia de xénero

fenecidadan.net

  • As sesións de contacontos-obradoiro arrancarán este luns e están dirixidas a nenos e nenas de 3 a 9 anos

A Concellería de Igualdade que dirixe Juana Barro inaugurará este luns 25 de novembro, “Día Internacional pola Eliminación da Violencia cara á Muller”, unhas sesións de contacontos-obradoiro para o alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria (nenas e nenas de 3 a 9 anos).

“As Cores” é o nome do conto co que se pretende traballar de xeito dinámico temas tan importantes como a igualdade, a inclusión, o traballo en equipo ou as emocións, transmitindo valores sempre a través do lúdico.

Así, este luns 25 de novembro, o programa celebrarase no CEIP Plurilingüe Os Casais, cunha sesión conxunta para todo o alumnado a partir das 10:00 horas e na escola unitaria de Sillobre, a partir das 12:00 horas. Retomarase no CEIP Plurilingüe Centieiras o luns 2 de decembro, con dúas sesións (de 10:00 a 10:45 e de 11:15 a 12:00 h). Ao día seguinte, martes 3 de decembro, desenvolverase no CPI A Xunqueira tamén con dúas sesións de 10:00 a 10:45 e de 11:15 a 12:00 h. O luns 9 de decembro será o turno do CEIP Plurilingüe O Ramo e, o martes 10, do colexio Jorge Juan.

“As Cores” é un conto cunha primeira parte de dinámicas grupais nas que se traballarán varios conceptos e farase especial fincapé na igualdade, así coma na introdución da lingua de signos. As actividades remataranse cun obradoiro final onde se elaborará un mural colectivo. Lidia Pena será a encargada de dar vida a esta fantástica historia chea de fantasía, respecto e igualdade.