23
Tras a volta ao cole logo do Nadal, soben os contaxios nos centros educativos galegos unha semana despois do regreso ás clases. Ata este venres contabilizáronse 1.692 contaxios en colexios de toda Galicia. Son 157 casos máis ca o día anterior. A Coruña, que supera os 400 positivos, é a que máis contaxios rexistra. Hai neste momento 45 aulas pechadas na comunidade por positivos entre o alumnado ou o persoal docente. A maioría na área de Vigo e na da Coruña. E en canto a centros pechados ao completo, este sábado eran 3, un máis ca o venres. Á escola infantil os Pequenecos de Cuntis e á unitaria da Pobra de Trives uniuse nas últimas horas o punto de atención á infancia de Riós.