A poucas horas de que a ruleta do CCA Carballo comece a xirar na Praza do Concello, este sábado 10 de xuño de 11h a 14h e de 17h a 21h, os comercios participantes continúan repartindo os vales que permitirán xogar e gañar cheques de compra, agasallos directos, xeados ou experiencias na hostalería carballesa entre outras sorpresas que teñen preparadas.
Máis de 50 comercios participantes, máis dunha ducia de empresas que colaboran co Centro Comercial Aberto aportando dende lotes de saborosos produtos a cheques de compra nos supermercados locais, máis dunha vintena de negocios de hostalería e empresas que aportan experiencias que van dende almorzos e ceas a clases de surf.
Que rule, que rule! consolídase como un espazo que xera sinerxias entre o tecido comercial, empresarial e institucional de Carballo.
A esta ampla representación únese nesta edición a creadora plástica carballesa Isa Bermúdez, a ilustradora que ten realizado estudos de dourado, prateado e policromía e que soña con ser muralista, disciplina na que xa ten realizado obra en Carballo ou Sobrado dos Monxes, realizará, ó longo da xornada do sábado 10 de xuño, unha peza no propio evento Que Rule, Que Rule!. Será a súa creación un dos agasallos que se sorteará no final do xornada xunto cos vales de compra no propio CCA de Carballo.
Máis de 200 vales de xeados e experiencias, que se suman a outros tantos agasallos directos aportados polas empresas de Carballo, cinco vales de compra por un valor total de 500€ no Centro Comercial Aberto e a peza da artista plástica garantirán que todas as e os clientes do CCA reciban premios no Que Rule, Que Rule! 2023.
Dende o CCA afirman que unha vez máis, esta actividade é posible grazas á implicación do comercio asociado e ó apoio que o CCA recibe de empresas e a hostalería carballesa, así como ó patrocinio do Concello de Carballo, Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.