O municipio de Ponteceso continúa de capa caída a nivel político. Aos reproches, ás continuas expulsións de varios concelleiros nos plenos e á aprobación dunha comisión de investigación sobre un audio que eximiría aos concelleiros non adscritos de intentar chantaxear ao alcalde, Lois García Carballido, súmase a denuncia dun edil sobre a destrucción de documentación na Casa Consistorial baixo orde, supostamente, do rexedor. A oposición destaca que este pasado mércores, día 31 de marzo, recibiron información en como Carballido e o seu «asesor» José Souto Mesura, sen «relación laboral ou política co Concello», estaban realizando «tarefas de limpeza».
Que está pasando no Concello de Ponteceso? Aínda hai cámaras gravando en dependencias públicas? Quen ten acceso a esas gravacións? Por qué o alcalde non denuncia os feitos e pola contra dá orde de destruír documentación? Ese «asesor» ten acceso a documentos dos nosos veciños e veciñas? Estas son preguntas que se fai a oposición desde fai varios meses; preguntas que polo de agora non teñen resposta pero que tanto o PP como os concelleiros non adscritos demandan. «Non pode ser que quen presida a alcaldía do noso concello pase por alto semellantes feitos e diga que non son de interese xeral», destacan os exmembros do PSOE municipal no relativo ás presuntas montaxes sobre chantaxes por apoios no partido. «Este asunto é gravísimo polo que pedimos que se investigue de forma urxente», denuncian.
Ademais, os concelleiros non adscritos volven a cargar contra a executiva provincial socialista xa que «non nos deron a oportunidade de emitir a nosa versión, e en vez diso fixeron leña da árbore caída». O partido socialista provincial, con Valentín González Formoso á cabeza, sempre mostrou un claro apoio ao rexedor pontecesán tras as gravacións onde semellaba que este recibía chantaxes por parte dos seus excompañeiros. Agora, cun novo audio circulando entre a oposición onde, presuntamente, queda claro que non se produciu ningunha chantaxe senón que as gravacións serían unha montaxe, os concelleiros non adscritos reclaman que o PSOE provincial «asuma a súa equivocación, pida desculpas e actúe co alcalde coa mesma contundencia coa que o fixo con nós no seu día».
«Aínda estades a tempo de amañar parcialmente o dano provocado á xente de Ponteceso», sinalan. «Apartade a Carballido do poder e deixade que Ponteceso progrese, de non ser así entendemos que esta executiva ten uns valores peores que os do rexedor, é dicir, ningúns».
Carballido polo de agora apenas fixo declaracións. Iso si, mostrouse firme ante as acusacións e sinalou que a voz que se escoita no famoso audio non é a súa, e que o Concello de Ponteceso non esconde nada a ninguén.