Os concelleiros non adscritos de Ponteceso sobre os plenos: «Se dis verdades a expulsión é o que che espera»

Imaxe de arquivo do pleno en marzo do 2021_Concello de Ponteceso

  • Na sesión plenaria deste luns foron expulsados de novo varios edís

Os concelleiros non adscritos do municipio de Ponteceso remitiron un comunicado aos medios de comunicación catalogando de «bochornosos e esperpénticos» os plenos celebrados nos últimos meses na localidade. Uns adxectivos provocados polo alcalde socialista, Lois García Carballido, que actúa como «un moderador que no canto de respetar o Regulamento e moderar o debate, invita á confrontación e aos reproches entre edís, fomentando que os plenos cada día vaian a peor», sinalan os concelleiros que foron expulsados no mes de xaneiro deste ano pola Executiva provincial do PSOE.

Este comunicado chega despois do pleno celebrado este luns e que foi retransmitido polo Facebook do Concello. Xeráronse máis de 400 comentarios na rede social onde os veciños deixaron patentes as súas opinións e, sobre todo, o seu enfado ao ver que as sesións plenarias son de todo menos civilizadas. Catro horas nas que Carballido «fala tres e media, e se o tema non lle interesa, cámbiao», sinala o grupo dos non adscritos, quen ademais fai fincapé que en «se dis verdades a expulsión é o que che espera». Isto fai referencia precisamente á expulsión de Miguel Ángel González e, posteriormente, de Salvador Eiroa e Faustino Santiago cando o rexedor rexeitou escoitar un audio relativo á instalación de cámaras no edificio consistorial e os vídeos publicados nun medio de comunicación sobre chantaxes a Carballido por parte dos concelleiros non adscritos.

«Por que o alcalde non permite escoitar un audio? Que esconde? Quen instala cámaras e micrófonos e con que cartos? Son as preguntas que nos plantexamos», expoñen os concelleiros, quen instan ao rexedor a que «deixe de tapar coa súa sombra» a situación e lle proporcione ao veciños «a transparencia que merecen».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha