Os concellos de Coristanco e A Laracha promoven conxuntamente o Programa Integrado de Emprego

1 minutes read
Arquivo.

Trátase dunha iniciativa financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia cun orzamento de 230.000 euros e dirixida a persoas desempregadas inscritas como demandantes de traballo.

O obxectivo deste proxecto é ofrecer formación (un total de 495 horas), orientación e asesoramento, obradoiros de desenvolvemento persoal e emprendemento, contacto con empresas e nocións sobre mobilidade laboral.

Ata 100 persoas terán a oportunidade de participar nun programa de 12 meses de duración que se desenvolverá maioritariamente na Laracha, pero con actividades programadas tamén no Centro Interxeracional A Rocheira de Coristanco. Un 90 % das prazas estará destinado a colectivos prioritarios, aqueles que se atopan con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral.

As persoas que entren a participar no PIE contarán, ademais, con determinadas axudas e incentivos, como 10 euros por cada día de asistencia, acceso aos servizos municipais de conciliación e adaptación de horarios sempre que sexa posible.

Acompañamento integral e personalizado.

Durante o ano de desenvolvemento deste programa, os seus participantes adquirirán aprendizaxes útiles en materias como as novas tecnoloxías, administración, loxística, industria alimentaria ou servizos socioculturais e atención a persoas.

Tamén se lles achegarán ferramentas e consellos para que sexan quen de optimizar a súa busca de emprego (elaboración de CV e cartas de presentación, preparación de entrevistas) ou para fomentar o espírito emprendedor, en colaboración co Polo de Emprendemento de Coristanco, a Rede Eusumo e o EspazoCoop.

O equipo técnico que acompañará ás persoas participantes durante o seu camiño nesta iniciativa facilitaralles os seus contactos a aquelas empresas da contorna con necesidades de contratación que encaixen cos perfís dispoñibles. Ademais, promoveranse prácticas en compañías colaboradoras para ofrecer experiencias en ambientes reais de traballo.