Os concellos do litoral coruñés recibirán 900.000 euros para o servizo de limpeza de praias

1 minutes read

O Boletín Oficial da Provincia publicou este martes as bases da convocatoria do programa de limpeza de praias 2021, a través do cal a Deputación da Coruña repartirá 900.000 euros entre os municipios costeiros da provincia.

A finalidade do programa é apoiar aos concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal das brigadas que se encargarán da limpeza dos areais da provincia, así como da adquisición do material necesario, coma o vestiario ou o combustible.

“Ademais de contribuír á mellora da imaxe das máis de 360 praias coruñesas de cara á tempada estival, a campaña de limpeza de praias impulsa tamén á creación de emprego durante os meses de verán, xa que a cargo deste programa e do de contratación de socorristas en piscinas municipais e praias fluviais contratáronse o pasado ano preto de 300 persoas”, destacou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

A subvención para a creación destas brigadas de limpeza ten unha duración máxima de tres meses, que deberán estar comprendidos entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2021. O importe máximo que poderá recibir cada concello solicitante a través deste programa ascende a 33.840 euros e o mínimo a 6.768 euros.

A Deputación aplicará criterios obxectivos para a baremación das solicitudes, en función da superficie total das praias existentes en cada termo municipal, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, e a poboación oficial do concello, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.