Os concellos dos ‘Fogóns do Anllóns’ analizaron o estado do proxecto

2 minutes read

O Plan de sustentabilidade turística en destino «Os fogóns do Anllóns», promovido pola Deputación da Coruña e cofinanciado polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea- Next Generation EU continúa avanzando no seu desenvolvemento. O comité impulsor do proxecto, formado por representantes dos cinco concellos integrantes (Ponteceso, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Carballo e Coristanco) e liderado pola Deputación da Coruña, reuniuse na entidade provincial co vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, para analizar o estado actual do proxecto e definir os próximos pasos que se han seguir.

Convén lembrar que o proxecto «Os fogóns do Anllóns» está concibido para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible, e para cumprir cos catro eixos transversais que os fondos Next Generation esixen para acceder ás súas axudas: transición verde e sostible; mellora da eficiencia enerxética; transición dixital e competitividade.

Así, o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, anunciou o inicio do procedemento de contratación da secretaria técnica, así como o investimento do 30% inicial de fondos, nunha xuntanza na que se abordou tamén a liña de subvencións para a mellora da imaxe dos establecementos de hostalería. Así mesmo, informouse sobre a localización dos miradoiros e as áreas de aparcamento, e sobre a sonorización do río, para o que se pediu a cooperación de todos os axentes implicados.

Os concellos, pola súa parte, trasladaron a necesidade de que se fagan as xestións posibles desde Augas de Galicia e a Consellería de Medioambiente para obter permisos que lles permitan levar a cabo actuacións integrais no ámbito do sendeiro do leito fluvial.

Ademais, acordouse a celebración dunha reunión mensual de todo o comité impulsor. A vindeira será o 4 de abril, e nela vaise rotar a presidencia que agora está en Cabana de Bergantiños, e pasará a Ponteceso.