A Xunta xa recibiu máis de 5.700 denuncias relacionadas coa covid-19 dos 176 concellos adheridos ao convenio asinado entre a Xunta e Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Ademais, xa están enviadas aos municipios para a súa sinatura arredor de 2.000 acordos de inicio relativos aos expedientes sancionadores.
Unha vez que estes acordos se remiten polos concellos logo de ser asinados, as unidades tramitadoras da Xunta proceden á súa notificación aos presuntos infractores, como xa se fixo cos acordos xa asinados. O obxectivo é axilizar a tramitación e que as sancións cheguen canto antes aos infractores.
Así, o Goberno galego mediante o persoal das unidades tramitadoras colabora na xestión das denuncias pendentes de resolución dos concellos mediante a elaboración, xestión e notificación destes acordos de incoación, cos que se achegan as cartas de pagamento correspondentes, así como de elaborar propostas de resolución nos casos nos que non se procedese o pagamento ou cando haxa alegacións. Pola súa banda, os municipios, a través do instrutor designado para estes procedementos, encárganse da formalización e a sinatura dos acordos de incoación ou das propostas de resolución.
A través deste convenio coa Fegamp, a Xunta presta asistencia técnica e material aos pequenos e medianos concellos con menos recursos na xestión das sancións sobre incumprimentos das medidas de prevención ante a covid-19 de competencia municipal. Isto é, casos relacionados co uso obrigatorio da máscara, os aforos máximos, os controis de aglomeracións de persoas ou por infrinxir horarios.