Os concellos unen forzas contra as violencias este 25N

3 minutes read

“Nin unha cadeira máis baleira!”, a programación de Coristanco

Con motivo deste 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Casa da Cultura de Coristanco acollerá a xornada “Nin unha cadeira máis baleira!”, unha iniciativa para lembrar, reflexionar e alzar a voz fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres.

Así, o mércores 25 novembro a arte, o teatro, a memoria e a educación se converterán en instrumentos de sensibilización e transformación social. Porque detrás de cada cadeira baleira hai unha historia interrompida, uns soños por cumprir, uns abrazos pendentes e unha ausencia que nunca debería ter existido.

A programación dará comezo a partir das 10:00 h coa actuación teatral «Marcho que teño que marchar». Esta proposta escénica que, a través do humor, convida a cuestionar, reflexionar e repensar aquelas condutas que, demasiadas veces, se normalizan como sociedade.

Ás 11:00 h terá lugar a inauguración da exposición «Unha habitación propia», unha mostra das composicións artísticas elaboradas con elementos naturais polas mulleres do obradoiro «Tecendo recordos, transformando vivencias». Neste espazo a natureza, a creatividade e a memoria se entrelazan para falar de identidade, liberdade e do dereito de cada muller a ser dona da súa propia vida.

A continuación, dará comezo a presentación das obras da campaña «Nin unha cadeira máis baleira». Unha serie de creacións realizadas polo alumnado dos diferentes centros educativos de Coristanco, que lembran a importancia de educar dende a infancia no respecto, na igualdade e na liberdade.

Lectura dun manifesto institucional

Para rematar a xornada, ao redor das 11:30 h, terá lugar a lectura do manifesto institucional do 25N onde as voces uniranse en memoria das que xa non están, en apoio das que sofren e polo futuro das que están por vir.

O acto servirá para lembrar, visibilizar e reivindicar o compromiso colectivo fronte á violencia machista, así como para expresar o rexeitamento a calquera forma de violencia contra as mulleres.

Tras o anuncio da programación, o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, destacou “a importancia de manter presente esta reivindicación durante todo o ano. O 25N é unha data para visibilizar e reivindicar, pero a loita contra a violencia machista non pode limitarse a unha xornada concreta. A prevención, a educación e a implicación colectiva son fundamentais para avanzar cara a unha sociedade libre de violencia”. Desde o Concello convídase a toda a veciñanza a acompañar nesta xornada e a sumarse a unha reivindicación que debe permanecer presente todos os días do ano

“Ponteceso pola igualdade”

O Concello de Ponteceso súmase ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25N) cun programa de actividades baixo o lema “Máis igualdade, menos violencia”, co que quere sensibilizar a veciñanza e reforzar o compromiso coa igualdade.

A programación comezará o 24 de novembro, ás 18:30 horas, coa obra de teatro para público familiar “Crisálida”, na Biblioteca Municipal de Ponteceso.

O 25 de novembro, data na que se conmemora o Día Internacional, proxectarase na mesma biblioteca, durante todo o día, o documental “Interferencias el/ela”, de Maya Marja, protagonizado pola propia veciñanza de Ponteceso.

Ademais, a Biblioteca Municipal acollerá durante toda a semana unha mostra bibliográfica pola igualdade. O documental volverá proxectarse o 28 de novembro, de 10:00 a 14:00 horas, no Museo de Corme.

Por outra banda, o 11 de decembro, de 10:00 a 14:00 horas, o CIM móbil estará situado detrás do Concello.

E, ademáis, o Concello organizará un Curso de Defensa Persoal Feminina no Edificio das Escolas. Para obter máis información, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 881 983 223.

O goberno local convida a toda a veciñanza a participar nesta programación e a mostrar o seu rexeitamento a calquera forma de violencia contra as mulleres.