O Ministerio de Xustiza prevé que os concursos de acredores crezan un 246% no ano 2020 e un 600% no ano 2021. Desta forma, dos 6.600 concursos presentados en España en 2019 pasaríase a máis de 16.000 no ano 2020 e a preto de 40.000 en 2021. De confirmarse estes datos estariamos ante un record absoluto de insolvencias empresariais na historia recente do país, só comparable, aínda que de lonxe, coa crise financeira de 2008 na que, lembremos, rozáronse os 10.000 concursos anuais.
Esta previsión vese máis que xustificada pola contracción moi severa do PIB anticipada polo Banco de España e que se situaría entre o 9,5% e o 12,4% en 2020 e que supera con moito o descenso do 3,8% rexistrado no peor ano da anterior crise (2009). No que respecta a Galicia, de confirmarse dita previsión, o número de concursos pecharía o ano en máis de 700 e rozaría os 1.800 en 2021, fronte aos 296 alcanzados no ano 2019. É de prever, aínda que non existen previsións oficiais sobre iso, que os acollementos de persoas naturais ao procedemento de Segunda Oportunidade se incremente en medida similar e superen de lonxe os 83 casos rexistrados no ano precedente.
A pesar de que o abafador das cifras presentadas dan idea do desastre empresarial que se aveciña, o recurso ao concurso de acredores non comporta en se mesmo o peor síntoma dun desenlace por outra banda previsible para as empresas máis afectadas polo COVID-19, senón que será o número de empresas que o superen o que nos dará unha verdadeira dimensión da traxedia e das súas consecuencias máis reais en forma de incremento do desemprego e caída de renda.
No ámbito Europeo, España é un dos países no que os empresarios recorren en menor medida ao concurso de acredores como solución á súa situación de insolvencia. Así, Francia rexistra oito veces máis concursos que España e mesmo Portugal, con 5.000 concursos declarados en 2019, sitúase preto dos niveis patrios cunha economía equivalente a unha sexta parte da española. O problema, tal como nos ensinou a anterior crise financeira, é a resolución dos propios concursos e por desgraza aquí o panorama tampouco é halagüeño, xa que a día de hoxe e a pesar dos esforzos normativos encamiñados a facer do procedemento concursal unha ferramenta efectiva para superar a insolvencia e non un depósito de cadáveres empresariais, só o 8% das empresas que acoden a ela saen “con vida”.
Desde logo que o recurso concursal non pode salvar a moitas das empresas que acoden ao mesmo xa que a propia dinámica da competencia, os cambios económicos, tecnolóxicos e sociais provocan unha constante loita pola supervivencia empresarial da que sempre resultan vítimas, pero o que se debe facilitar é un contexto áxil, económico e resolutivo orientado a restaurar a viabilidade da empresa e non á mera satisfacción dos acredores.
Aínda que a Lei Concursal mostra carencias indiscutibles, non é menos certo que o acollemento á mesma dilátase en exceso, dificultando ou impedindo, na maioría dos casos, solucións temperás que a medida que avanza a deterioración financeira da empresa non resultan aplicables ou simplemente deveñen en inútiles.
Resulta por tanto vital que os empresarios actúen con previsión, tomen conciencia dos instrumentos legais que teñen á súa disposición e ante unha eventual insolvencia actúen con dilixencia e pragmatismo para non repetir os erros cometidos na anterior crise e reproducir as tan negativas consecuencias que trouxo consigo.
Por José Angel Andújar Vecino.-Licenciado en Ciencias Económicas.