Os consellos parroquiais de Carballo retoman a súa actividade tras dous anos de pandemia

1 minutes read
  • A primeira sesión desenvolverase o 10 de maio en Entrecruces

No municipio de Carballo os consellos parroquiais retoman a súa actividade tras dous anos de parón pola pandemia. O primeiro desenvolveuse en febreiro do 2017 en Ardaña e desde aquela leváronse a cabo moitas xuntanzas.

Este ano as sesións celebraranse os martes e os xoves ás 20.00 horas entre os meses de maio, xuño e setembro. Durante o mes de maio desenvolveranse xuntanzas en Entrecruces (10), Rus (12), Verdillo (19), Ardaña (24), Noicela-Rebordelos (26) e Vilela (31).

Na actualidade hai constituídos 16 consellos parroquiais nos que antes da pandemia participaban de xeito directo máis de 300 veciños e veciñas a través de reunións abertas. O tratado nas mesmas era posteriormente trasladado ao Concello.

Nos consellos parroquiais participan o alcalde, Evencio Ferrero, e representantes de todos os grupos políticos municipais; mentres que por parte da veciñanza hai participación do movemento asociativo, aínda que as portas están abertas a aquelas persoas que queiran sumarse a título individual. O obxectivo destes órganos de participación veciñal é recoller as propostas da cidadanía para telas en conta á hora de decidir sobre o investimento dos fondos públicos.