- A actividade desenvolverase durante todo o mes de xullo. Participarán 42 alumnos divididos en sete grupos
Co inicio do mes de xullo, en Carballo tamén arrincaron os cursos intensivos de natación para o público infantil organizados pola Concellaría de Deporte. A actividade, que inclúe 147 sesións ao longo de todo o mes, conta con 42 participantes repartidos en sete grupos.
Estes cursos toman a remuda da escola de natación infantil, que despois de nove meses clausurou a súa actividade marcada polas restricións sanitarias. Entre setembro do 2020 e xuño do 2021 case 500 nenos de entre 3 e 10 anos foron usuarios deste servizo. En total realizáronse 1.440 sesións, impartidas por un equipo integrado a diario por cinco monitores-socorristas e un coordinador.
Dende o departamento que dirixe Marcos Trigo faise unha valoración moi positiva da actividade, «especialmente tendo en conta as especiais circunstancias nas que se desenvolveu», e xa se está a traballar de cara ao inicio do vindeiro curso. De feito, a volta da escola de natación infantil está programada para o 13 de setembro. Este ano haberá 540 prazas, 96 delas destinadas a participantes de novo ingreso.