Os dereitos de Xeal nos ríos Xallas e Grande están vinculados ao mantemento da actividade industrial

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, que interveu na Comisión 6ª do Parlamento galego, explicou que a modificación solicitada pola empresa XEAL sobre a concesión hidroeléctrica de Santa Uxía xa outorgada, e que está en tramitación, non implica en modo algún alteración dos condicionantes da concesión impostos desde os anos 90 en relación co cumprimento da cláusula de non segregación das actividades de produción de enerxía eléctrica e de ferroaliaxes.

Unha condición, incidiu Teresa Gutiérrez, que continúa sendo de obrigado cumprimento para a empresa e non só en relación co salto de Santa Uxía, senón tamén coas concesións outorgadas no río Xallas e Grande.

Teresa Gutiérrez detallou na súa intervención que non se ten constancia de incumprimento, por parte da empresa, das condicións impostas na concesión nas fábricas de Cee e Dumbría.

Remarcou, nesta liña, o compromiso da Xunta co estrito cumprimento da lexislación advertindo que, non ter en conta os condicionantes requiridos, suporía a extinción dos dereitos concesionais outorgados.

Incidiu en que o titular das concesións implantadas nos ríos Xallas e Grande, xa sexa a actual mercantil XEAL ou outra, está obrigado, inescusablemente e durante toda a vida dos títulos habilitantes, ao mantemento do emprego e a actividade industrial das fábricas; unha actividade, lembrou, á que estaba vinculado xa na súa orixe o destino das concesións hidroeléctricas, como así se plasmou nos diversos títulos de outorgamento concesional o fin industrial cara o que se proxectaba a enerxía eléctrica producida nos ríos Xallas e Grande.

Lembrou que, para preservar a actividade e os postos de traballos das fábricas implantadas na zona da Costa da Morte, a Xunta introduciu para outorgamento da concesión a imposición da cláusula de non segregación das actividades de produción de enerxía eléctrica e de ferroaliaxes, de cumprimento obrigado pola empresa concesionaria. 

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha