Os días 11 e 12 de marzo volve a Feira das Oportunidades do CCA Carballo


A cita anual coas mellores ofertas do comercio local regresa ao Rego da Balsa. “Creo que tiñamos todos moitas ganas de volver ao formato tradicional”, apuntou o presidente do Centro Comercial Aberto, Germán Riveiro, na presentación da feira, na que estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, ademais de varios compañeiros e compañeiras do CCA. A Feira das Oportunidades celebrarase os días 11 e 12 de marzo: o sábado, con horario de 10.00 a 15.00 e de 16.00 a 21.00, e o domingo, de 10.00 a 15.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Promo do evento.

Dentro da carpa que se instalará no aparcamento do Rego da Balsa instalaranse unha vintena comercios de sectores variados: moda, deporte, complementos, calzado, lencería, agasallo… Son todos estes: Akira, Jorge Moda, Atelier, Benetton, Calzados Susa, Chiquikids, DV Carballo, Federópticos Nicolás, Miriñaque, mmmm! Xeados, Moda Suárez, Necos, O barco dos soños, O rastrillo, Poppy, Refugallo Zero, regalosyregalitos.com, Zapatillería Isabel e Zocas. Pero a feira tamén estará no exterior, porque nesta ocasión volve a participar o sector da automoción, representado por Dimolk, Baleato Motor e Vcar.

O presidente do CCA agradeceu a colaboración do Concello de Carballo e da Dirección Xeral de Comercio, que subvencionan a feira, así como o apoio loxístico da brigada municipal de obras, Policía Local e Protección Civil.