Os exconcelleiros «rebeldes» do goberno de Ponteceso, expulsados pola Executiva Provincial do PSdG o pasado mes de xaneiro, emitiron un comunicado onde expresan a súa disconformidade coas declaracións do alcalde da localidade, Lois García Carballido, e a perda de cartos do POS+ 2021. «A vinculación que está a facer o señor Carballido entre a non aprobación do POS+2021 e a non continuidade do Plan de Emprego Social, máis alá do 30 de maio deste ano, é unha artimaña política máis dunha persoa que non ten máis interese que manterse na alcaldía para o beneficio propio e dos seus amigos», sinalan os díscolos.
Segundo indican no escrito, o 8 de outubro do ano 2020 o Concello de Ponteceso anunciou nas súa páxina oficial de Facebook a convocatoria do primeiro Plan de Emprego Social 2021 na localidade. Nesa publicación explícase que «grazas ao aforro en gastos de persoal, por exemplo, coa renuncia ao salario do alcalde de Ponteceso, pódese financiar un plan de emprego que vai beneficiar como mínimo a 10 traballadores/as durante seis meses, e formar unha bolsa de emprego para futuras contratacións, segundo vaiamos dispoñendo de recursos». Os agora expulsados do goberno local entenden que a partida orzamentaria reservada para o pagamento dos salarios do alcalde e dos concelleiros «ía ser usada para pagar os salarios dos beneficiarios do plan».
Sen embargo, móstranse confusos polo pleno celebrado o pasado xoves, día 4 de febreiro, no que o rexedor «culpa aos membros da oposición da imposibilidade de seguir adiante co plan de emprego debido a que o seu rexeitamento á proposta de POS+2021 propicia a perda de 100.000€ que, teoricamente, estaban destinados aos salarios das persoas beneficiadas desta iniciativa social e laboral».
Tomando como punto de partida a publicación feita polo goberno local, o Concello de Ponteceso «non precisa deses 100.000€ para poder prolongar o Plan de Emprego Social máis alá do 30 de maio», destacan os díscolos, xa que «de empregar a partida orzamentaria dos salarios do alcalde e concelleiros para esta finalidade o concello disporía dunha liquidez mínima de 123.918€ para pagar os salarios destes traballadores, sempre e cando o alcalde non empregase os cartos para outros fins que nada teñen que ver co destino inicial do plan».
