Os docentes galegos Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, profesores no IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas), foron recoñecidos co primeiro premio na categoría 3 — Modalidade B (Recurso Educativo Aberto elaborado por dous docentes) nos I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan a Competencia Dixital do Alumnado 2025, convocados polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.Este galardón pon en valor a traxectoria de ámbolos dous docentes no ámbito da innovación educativa e da investigación aplicada á práctica docente, cunha clara orientación cara á atención á diversidade, a inclusión e o compromiso social, así como o uso consciente, crítico e transformador das tecnoloxías dixitais no ensino.
O proxecto premiado consiste na creación dun Recurso Educativo Aberto (REA) a partires dunha experiencia didáctica, de entre as moitas que estes profesores levaron a cabo nas súas aulas o curso académico 2024-25. Nesta ocasión, o valor diferencial do traballo non reside unicamente no proxecto orixinal, senón no proceso de análise, adaptación e sistematización pedagóxica desenvolvido para converter a experiencia nun recurso aberto, reutilizable e replicable en calquera centro educativo do Estado, independentemente do seu contexto.
O Ministerio destacou especialmente a súa contribución ao desenvolvemento da competencia dixital do alumnado, así como a integración de metodoloxías activas baseadas na Aprendizaxe Servizo, o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) e a investigación educativa orientada á mellora da práctica docente. Estes enfoques permiten responder á diversidade do alumnado, garantir a accesibilidade ás aprendizaxes e conectar a escola coa realidade social da súa contorna.Este premio supón tamén unha clara aposta por unha educación dixital con responsabilidade social, que fomenta a transferencia de coñecemento entre o profesorado, o traballo colaborativo e a construción dunha escola pública máis xusta, inclusiva e innovadora.Agradecemos a colaboración de todas as persoas e entidades implicadas neste proceso, que pon en valor a educación galega, pública e rural como espazo de innovación, investigación e excelencia pedagóxica.
O acto oficial de entrega do premio celebrarase o vindeiro 2 de marzo na sede do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, en Madrid.
Os docentes do IES de Baio Oscar Rey e Fina Paulos reciben un premio do Ministerio de Educación
Cedida.