O doutor Ángel Carracedo proposto como candidato aos premios Princesa de Asturias 2022

1 minutes read

A Xunta de Galicia vén de propór ao doutor Ángel Carracedo, como candidato aos Premios Princesa de Asturias 2022, na categoría de Investigación Científica e técnica.

A Administración galega remarca os importantes descubrimentos acadados por este científico no ámbito da xenética e a Medicina forense, uns avances que contribuíron á estandarización e implantación das probas de ADN forense a nivel mundial e que, a día de hoxe, seguen a axudar á xustiza a resolver un gran número de investigacións.

O doutor Carracedo é a figura máis representativa da Medicina forense a nivel mundial, excedendo o ámbito da Xenética forense pola súa contribución á patoloxía forense coa introdución da autopsia molecular.

Así, o actual presidente da Academia Internacional de Medicina legal, estendeu durante os últimos quince anos o seu labor no campo da xenética clínica e medicina xenómica, con contribucións relevantes no coñecemento da causa xenética das enfermidades, promovendo a creación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que dirixe desde entón, o centro de maior volume de España no diagnóstico de enfermidades xenéticas.

Ademais, o profesor Carracedo tamén creou e dirixe o Centro Nacional de Genotipado, a infraestrutura IMPaCT Xenómica para o desenvolvemento da Medicina personalizada en España e a infraestrutura Innopharma e Fundación Kaertor para o desenvolvemento de fármacos en fase preclínica. Os seus grupos de traballo e investigación son lugares de excelencia onde se forman científicos de todo o mundo e protagonizando moitos dos avances máis importantes no campo da xenética forense.

Tamén foi proposto Sir Alec Jeffreys, doutor británico nado en 1950 en Oxford, e que centrou as súas investigacións en explorar a diversidade do ADN humano e os procesos de mutación que crean esta diversidade; sendo un dos primeiros investigadores en descubrir a variación herdada no ADN humano.