Os equipos covid dos centros escolares recibirán formación específica sobre o coronavirus

Control coronavirus.Cedida.

Os máis de 4.000 membros dos equipos Covid dos centros escolares recibirán formación específica sobre coronavirus a partir de setembro, con contidos deseñados pola Consellería de Sanidade en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Así, na primeira semana de setembro comezará unha formación non presencial dirixida aos equipos Covid que deben crear os centros educativos, con conferencias virtuais a cargo de pediatras e material audiovisual no que se dará información específica sobre a infección do coronavirus. Estes equipos, que serán referencia para o resto do persoal, profesorado, alumnado e familias, estarán formados pola persoa titular da dirección do centro, ou persoa na que delegue ou a substitúa, e dous membros do profesorado (nos centros de menos de seis unidades o equipo poderá constituírse cunha soa persoa).

Nos contidos formativos previstos abordarase de xeito didáctico información básica sobre o coronavirus, a súa afección na poboación infantil e os síntomas, así como as medidas de vixilancia, de prevención e de control. Ademais, daranse pautas sobre como actuar ante unha sospeita de infección por coronavirus no centro escolar e o mecanismo de alerta que se debe activar. A formación centrarase tamén no papel dos coordinadores Covid dos centros educativos e a súa coordinación cos referentes nos centros de saúde. O programa complétase con materiais de traballo na aula dirixidos ao alumnado segundo as etapas educativas, mediante xogos e consellos.

A formación reforzarase ao longo de setembro con sesións presenciais, tamén impartidas por facultativos en centros educativos de referencia para resolver todas as dúbidas que poidan xurdir tras o inicio do curso escolar. As sesións serán organizadas polos Centros de Formación e Recursos do Profesorado (CFR) que ten a Consellería de Educación nas cidades galegas.

A iniciativa enmárcase no Protocolo de adaptación dos centros de ensino non universitario á COVID-19, elaborado polas consellerias de Educación e de Sanidade, e que recolle que o SERGAS, a través da presenza de profesionais no centro ou mediante fórmulas de teleformación impartirá a información suficiente para os centros educativos sobre as medidas xerais de prevención e protección.