Os espazos peonís terán prioridade na reurbanización da zona de María Pita

Imaxe do proxecto de reurbanización da zona de María Pita_Fonte: coruna.gal

  • A actuación permitirá mellorar o aspecto urbano da zona e dará prioridade aos espazos peonís

O concello de A Coruña prentede reurbanizar o espazo público do grupo de vivendas de María Pita, en Labañou, co obxectivo de mellorar a calidade urbana do barrio e de garantir a accesibilidade en todas as súas rúas.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, xa se reunira cos veciños o pasado día 22 para presentarlles o anteproxecto, redactado polo estudio de arquitectura RVR. O plan, explican desde a concellería, suporá unha mellora notable da calidade urbana da zona, apostando por rúas en plataforma única de preferencia peonil, maior número de árbores e zonas verdes e dúas zonas de xogos infantís. Ademais proxéctanse dúas pérgolas, unha na parada do bus e outra no apartado infantil.

O concelleiro explicou que o proxecto obrigará a realizar algunhas modificacións como a recolocación das prazas de aparcamento. A intención é manter o número existente, pero levándoas ás rúas perimetrais. Deste xeito, os espazos interiores serán zonas de estancia e de xogo.

Unha das prioridades do Goberno local, compartida pola veciñanza, é a de garantir a accesibilidade total das rúas e espazos públicos do barrio. Para iso, está prevista a instalación de ramplas que comuniquen as diferentes plataformas en que se organizan os bloques de vivendas e o cambio de rasantes dalgunhas das rúas.