Os exames de selectividade faranse entre o 22 de xuño e o 10 de xullo

Conferencia Sectorial de Educación_Fonte: lamoncloa.gob.es

  • O MEFP propuxo tamén ás CCAA que se cancelen as probas de avaliación diagnóstica que establece a LOMCE para 3º e 6º de primaria e 4º da ESO

A proba de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) celebrarase entre o 22 de xuño e o 10 de xullo en convocatoria ordinaria e antes do 10 de setembro en convocatoria extraordinaria.

Así se decretou durante a Conferencia Sectorial de Educación celebrada por videoconferencia e presidida pola ministra de Educación e FP, Isabel Celaá.

«O Ministerio de Educación e Formación Profesional está a traballar nesta crise cun único obxectivo: que ningún alumno, que ningunha alumna perda o curso por esta situación provocada polo Covid-19», asegurou a ministra.

Tanto o Ministerio de Educación e FP (MEFP) como o de Universidades e as Comunidades Autónomas son conscientes da dificultade que está a supoñer para o profesorado que imparte clase en 2º de Bacharelato e, en especial, para os estudantes deste curso, a suspensión das clases presenciais por mor da epidemia por infección de coronavirus, Covid-19.

Por iso, para asegurar que o acceso á Universidade prodúcese en termos de equidade e xustiza, acordouse ademais modificar o modelo e o contido das probas co obxectivo de que o alumnado non se vexa prexudicado por non traballar en clase algún bloque ou bloques de contido dalgunha das materias.

Aínda que as datas propostas para a realización da ABAU dependerán da evolución da pandemia, estableceuse que as cualificacións se publiquen antes do 17 de xullo para a convocatoria ordinaria e antes do 18 de setembro no caso da extraordinaria. A asignación definitiva de prazas non se poderá realizar antes do 25 de setembro.

Cancelación de probas de avaliación diagnóstica
O MEFP propuxo tamén ás CCAA que se cancelen as probas de avaliación diagnóstica que establece a LOMCE, lei actualmente en vigor, para 3º e 6º de primaria e 4º da ESO.

A Conferencia de Educación aprobou tamén as medidas acordadas onte na Comisión de FP. Fundamentalmente, flexibilizar as prácticas no centro de traballo para superar o curso, ampliando o período establecido no calendario escolar. Esta medida extraordinaria deberá coordinarse coas datas de celebración da ABAU para permitir que todos os estudantes que así o desexen poidan presentarse á proba de acceso á Universidade.

Limitación das horas de prácticas
A duración da Formación no Centro de Traballo (FCT) limítase de maneira excepcional ás horas mínimas recollidas na normativa básica, é dicir, 220 horas. Así mesmo, integrarase de forma excepcional o módulo de FCT cun módulo de proxecto para que se poidan abordar os obxectivos asociados á contorna laboral. Esta medida afectará tanto á FP básica, como á de grao medio e grao superior.

En relación ás probas de acceso á FP de grao medio ou superior para quen non conten cos requisitos académicos de acceso a estes ensinos, acordouse pospoñelas o que sexa necesario, chegando mesmo á primeira quincena de xullo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha