Os exteriores do Pazo de Meirás abriranse ao público o 30 de xaneiro


Este martes tivo lugar a segunda reunión da Comisión Técnica do Pazo de Meirás na que, entre outros asuntos tratados, se anunciou que o próximo sábado 30 de xaneiro se abrirán ao público os exteriores do emblemático edificio. Esta decisión foi tomada nun encontro telemático que estivo presidido polo secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e no que participaron representantes da Xunta de Galicia e dos concellos de Sada e da Coruña, así como o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Debido á situación epidemiolóxica actual do Concello de Sada, para o que a Consellería de Sanidade anunciou un inminente peche perimetral, acordouse que neste primeiro momento a apertura dos exteriores do Pazo será unicamente para os veciños e veciñas do municipio.

Por outra banda, tamén se propuxo que o comezo das visitas do público ao interior do edificio se leve a cabo a partir da segunda quincena do mes de marzo, sempre e cando as condicións de seguridade e sanitarias así o permitan. Para que isto ocorra, previamente deben finalizar os amaños dos danos existentes e tamén da instalación eléctrica polo que é posible que se abran algunhas estancias antes ca outras.