Os “fillos” do carballo de Vilar de Francos crearán unha nova carballeira


  • Plantarase unha árbore por cada neno que naza no ano 2020

O Concello de Carballo leva varios meses recollendo os “fillos” da súa árbore senlleira, o carballo de Vilar de Francos, e plantándoos en macetas. Polo de agora xa hai 170, pero durante o ano 2020 prevese que esta cifra aumente ao mesmo tempo que aumenta a natalidade no municipio. O obxectivo é plantar un descendente do carballo de Vilar de Francos por cada neno ou nena que naza en Carballo ao longo do ano que vén.

Ademais de perpetuar o carballo centenario, a iniciativa que se presentou hoxe desde o Concello, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, pretende implicar á cidadanía na Estratexia Carballo 2030, símbolo dun modelo urbano máis sustentable e que servirá como locomotora de crecemento e desenvolvemento para o conxunto do territorio. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata as instalacións do Horto Infantil Ecolóxico Municipal, onde empezan a medrar os pequenos carballos transplantados nos últimos meses, para dar a coñecer este novo proxecto de participación veciñal.

Á deireta: o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Á esquerda, de pé: o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas

No municipio de Carballo nacen cada ano entre 250 e 300 nenos, e cada árbore que se plante debido ao nacemento dun deles levará o seu nome. A intención do goberno municipal, como explicou hoxe o alcalde, é que, coincidindo co Día da Árbore do ano 2021, as familias que o desexen poidan ou ben participar nunha plantación colectiva ou ben acudir a recoller a árbore do seu bebé e plantala no lugar que escollan.

Imaxe do ferido carballo pai en Vilar de Francos – Artes.