Fiscais e responsables de Tráfico das catro provincias galegas, que se reuniron este xoves no TSXG, coinciden na necesidade de controlar a velocidade nas vías urbanas. A única maneira é incrementar os radares.
«As policias deben contar con radares, di o fiscal de Seguridade Vial, porque o exceso de velocidade é o gran inimigo da seguridade vial e da sostibilidade das cidades»
Os fiscais reclaman, polo mesmo motivo, máis controis de alcol e drogas. O cánnabis, din, é letal ao volante, por iso non entenden que se banalice o seu consumo, dado que afecta as facultades visuais e de concentración na condución.
Contar con máis recursos é prioritario, tanto para que os policias locais poidan ter aparatos suficientes para realizar os controis como para atender as vítimas. Din que son as grandes esquecidas en comparación coas vítimas doutros crimes.
Por iso o Ministerio fiscal comprométese a escoitalas e defendelas nos procesos penais, especialmente para que cobren as indemnizacións nos casos mais vulnerables. Porque, segundo os fiscais, un pai que perde un fillo cae en depresión e acaba perdendo o traballo.
A Fiscalía promoverá nas catro provincias, mesas de coordinación no ámbito educativo.