Os fogos artificiais e Ortiga pecharon a semana grande das festas de Carballo


A xornada festiva xuntouse coa feira dominical este 26 de xuño en Carballo. A misa dedicada á Virxe do Carmen tivo o seu momento máis participativo na procesión de curto percorrido ata a Praza de Galicia e volta á igrexa. O tempo acompañou, pero un ‘trebón’ de campionato embazou durante uns dez minutos as dúas cousas, sobre todo a feira. A música tamén tivo protagonismo, xa pola tarde no parque do Anllóns celebrouse a VII Gala de Bailes de Salón e Ritmos Latinos que organizou a asociación Arume. A última verbena protagonizada pola orquestra Finisterre empezou a animar a pista de baile da Praza do Concello sobre as 20:30 horas, 180 minutos seguidos de ritmo para case alcanzar a medianoite. A esa hora estaban previsto os tradicionais fogos de artificio, que comezaron ás 00:05 da man da pirotecnia Rocha-Areas e durante uns 15 minutos descargaron luz e colorido nunha noite despexada, pero fría. Acto seguido celebrouse o concerto de Ortiga. Queda para este luns o ‘Día do Neno’ e a ‘Festa do Bosque’, que será o domingo día 3 durante toda a xornada.

Momento dos fogos artificiais do san Xoán 2022.