Os fortes temporais deixan varios mortos en Europa

Varias rexións italianas mantéñense en alerta debido ás fortes tormentas que azoutaron gran parte de Europa e que xa deixaron polo menos unha decena de mortos en todo o continente. Dous deles en Italia, esmagados por árbores. En rexións como Emilia-Romaña, o ceo caeu sobre a terra: en dous días choveu tanto como en seis meses. En Francia, o Goberno declarará como «desastre natural» o temporal que azoutou este xoves a illa de Córsega de forma repentina e brutal, provocando a morte de cinco persoas. O Ministro do Interior visitou un campamento onde morreu unha persoa. As autoridades meteorolóxicas foron fortemente criticadas por lanzar a alerta apenas minutos antes do paso das tormentas. Unha tormenta tamén tinguiu de loito Austria, onde dous nenos faleceron este xoves ao caerlles encima unha árbore no Val de Lavant, no estado de Carintia. Outras dezaseis persoas resultaron feridas, incluídos sete nenos. 20.000 fogares quedaron sen electricidade despois da tormenta.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha