A familia Franco solicitoulle ao Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que lles conceda de «forma inmediata» un prazo «razoable», que estiman dun mes, para proceder á retirada de «todas as cousas, bens ou obxectos que hai no interior do inmoble». Esta petición chega despois de que a semana pasada a Audiencia Provincial da Coruña revogara o depósito cautelar dos bens mobles existentes no interior do Pazo. Sobre o trasladado ao xulgado, o letrado dos Franco, Luis Felipe Utrera-Molina ratificou que se refiren a todos os bens, incluídos os que estean declarados Ben de Interese Cultural (BIC). Este é o caso das estatutas do Mestre Mateo, ás que se suman a biblioteca Emilia Pardo Bazán, que conta coa protección dun ben deste tipo. No seu escrito, piden tamén que se ordene ao Estado que permita o acceso ao inmoble dos profesionais que designe a familia Franco a fin de proceder á retirada dos bens «que hai no seu interior». Ademais expoñen que se ordene tanto ao Estado, como parte demandante como ás institucións que se adheriron á demanda -Xunta de Galicia, concellos de Sada e A Coruña e a Deputación coruñesa-«a que se absteñan con carácter indefinido de todo uso, utilización, invocación, divulgación e/ou revelación a persona algunha, pública ou privada, de tales documentos».
36