Os funcionarios galegos contarán cunha subida dun 2% no seu salario

1 minutes read
  • Feijóo destacou que no ámbito do Sergas incrementarase ata o 100% o importe correspondente á carreira profesional

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este xoves nunha rolda de prensa do Consello, que a Xunta aplicará na nómina de xaneiro dos empregados públicos as subas retributivas específicas que foron pactadas coas organizacións sindicais, e afirmou tamén que a suba xeral do 2% farase efectiva en canto o autorice o Goberno central.

Así mesmo, aseverou que esta suba xeral beneficiará a todos os traballadores da Administración autonómica e terá efectos desde o 1 de xaneiro, polo cal xa está sendo devindicada polos empregados públicos galegos.

Ademais desta mellora salarial, o responsable do Executivo galego explicou que a Xunta tamén fará efectivas neste mes de xaneiro outras melloras salariais de ámbito sectorial. Así, a Administración autonómica aplicará na nómina deste mes as melloras salariais correspondentes á aplicación do réxime de carreira profesional do Servizo Galego de Saúde e da Administración Xeral.

En concreto, no ámbito do Sergas incrementarase ata o 100% o importe correspondente á carreira profesional, o que supón un aumento anual de entre 1.227,84 euros e 305,94 euros, en función da categoría á que pertence o persoal sanitario.

Cómpre subliñar que, na actualidade, máis de 20.500 traballadores do Sergas teñen recoñecido algún dos catro graos da carreira profesional.