Así o salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Os galegos reciclaron o ano pasado un 1,4% máis de envases de plástico, latas e briks a través do contedor amarelo, incrementando en 458,92 as toneladas recuperadas.
Tras lembrar que en 2021 os galegos tamén enviaron a Sogama 405 toneladas menos de desperdicios incluídos na fracción resto —aquela que se recolle a través do contedor xenérico e que se corresponde coa chamada bolsa negra—, a responsable autonómica considerou estas cifras “significativas” tendo en conta que se corresponden co período inmediatamente posterior ao 2020, marcado pola influencia que tivo a pandemia da covid e o confinamento domiciliario na produción de residuos.
Á vista destes datos, cabe destacar que os galegos están totalmente comprometidos coa xestión sustentable e eficiente dos residuos urbanos e cun consumo máis responsable nos seus fogares.