Os GALP impulsan 144 novos proxectos que mobilizarán preto de 15 M€ de investimento

galp

A Consellería do Mar aprobou este ano 144 novos proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), que mobilizarán preto de 15 millóns de euros. Son as iniciativas aprobadas na resolución da convocatoria de 2021 de axudas a estes grupos, na cal o Executivo galego achega algo máis de 7,5 millóns de euros -aos cales se suman máis de 7,3 millóns de investimento privado- para o desenvolvemento desas actuacións de dinamización das zonas costeiras.

Distribución por grupos

En canto á distribución por grupos, o informe mostra que 16 dos proxectos aprobados corresponden ao GALP 1 Mariña-Ortegal, cun importe total de subvención de máis de 540.000 euros. O GALP 2 Golfo Ártabro Norte conta con 35 iniciativas, cunha axuda global por valor de preto de 1,2 millóns de euros. Mentres, o GALP 3 Costa da Morte ten 13 proxectos, cun apoio superior aos 1,5 millóns de euros, e o GALP 4 Seo de Fisterra Ría de Muros e Noia: Costa Sustentable dispón de sete iniciativas cunha achega global de máis de 960.000 euros.

O GALP 5 Ría de Arousa, pola súa banda, ten 15 solicitudes aprobadas cunha axuda total de máis dun millón de euros e o GALP 6 Ría de Pontevedra conta con 27 proxectos aprobados, cun apoio de case 850.000 euros. Mentres, o GALP 7 Ría de Vigo-A Guarda ten 16 proxectos, cunha achega de 648.000 euros, e o GALP 8 Golfo Ártabro Sur ten aprobadas 15 iniciativas cun apoio público de máis de 760.000 euros.

Estas accións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), desenvolveranse entre este ano e o que vén e prevén a creación de arredor de 65 empregos a tempo completo. Son datos que recolle un informe que analizou hoxe o Consello da Xunta sobre a resolución da convocatoria de achegas deste ano e os principais proxectos aprobados.

Máis da metade das iniciativas aprobadas, un total de 80, son produtivas, é dicir, de orientación empresarial ou profesional, cun importe de subvención de algo máis de 4,8 millóns de euros. Os 64 proxectos restantes son non produtivos, é dicir, aqueles que non supoñen o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica, cun valor total de axuda de máis de 2,8 millóns de euros.

Entre as iniciativas subvencionadas atópanse as que teñen como obxectivo o apoio á diversificación dentro e fóra da pesca comercial, á aprendizaxe permanente e á creación de emprego nas zonas pesqueiras. Tamén hai accións para aumentar o valor dos produtos pesqueiros, atraer mocidade ao sector e a promoción e innovación en todas as fases da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura. No caso dos proxectos non produtivos, entre os obxectivos fundamentais está o fomento do benestar social e do patrimonio cultural e ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas.

Estes proxectos engádense aos preto de 500 desenvolvidos desde o ano 2016 e que recibiron preto de 30 millóns de euros de apoio público. Estas achegas catalizaron case 40 millóns de euros, co que as iniciativas impulsadas polos oito GALP galegos mobilizaron un investimento total de arredor de 70 millóns de euros.