Gandeiros de carne, convocados por Gandeiros Galegos da Suprema, protestan polos recortes nas axudas da Política Agraria Común (PAC), os elevados custos de produción e o baixo prezo da carne en orixe. “Prezo é igual a profesionalización e a vida no rural. Se hai prezo, hai profesionais”, di Santiago Rego.
Máis de medio milleiro de produtores, con tractores e vacas, pediron solucións nas rúas de Lugo. Non entenden que o consumidor pague cada vez máis mentres eles seguen a cobrar o mesmo que hai 30 anos.
Afirman que lles pagan a tenreira a 5,60 euros quilo canal, mentres que teñen uns 6,20 de custos de produción, referenciados aos datos 2021 antes da guerra de Ucraína, un conflito que fixo subir os cereais e todos as subministracións.
Din que algunha explotacións sacrifican vacas para poder seguir adiante, porque o vacún maior si que subiu de prezo, pero isto ten un custo a longo prazo que é diminuír a capacidade reprodutiva da cabana.
O presidente da Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema confirmou que un retén de produtores permanecerá de xeito indefinido ante a sede da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo e da Subdelegación do Goberno.