Os GDR contarán cun investimento de 35 millóns de euros

1 minutes read

O programa Leader contará ata o ano 2023 cun orzamento asignado de arredor de 35 millóns de euros para dinamizar o rural galego e apoiar o labor que desenvolven neste sentido os 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) da comunidade. Así o destacaron o conselleiro do Medio Rural, José González, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, nunha videoconferencia con responsables dos GDR. Estes fondos permitirán, entre outras cousas, destinar case 23 millóns de euros a financiar proxectos ao abeiro da medida Leader ata o 2023.

Con esta medida fináncianse proxectos tanto de orientación non produtiva -de tipo social, por exemplo- como de carácter produtivo, do sector primario e doutras actividades que contribúen ao desenvolvemento rural. Todas estas actuacións teñen incidencia directa na diversificación económica do tecido produtivo das zonas rurais e na dotación de servizos no eido económico e nas prestacións básicas á poboación.

As bases reguladoras desta convocatoria adaptaranse ao novo contexto normativo e ás novas oportunidades para o desenvolvemento rural de Galicia, incorporando a posibilidade de financiar proxectos vinculados a instrumentos ou procedementos de recuperación da terra agraria ou de revitalización dos núcleos rurais.