Os helicópteros do 061 de Galicia estarán operativos todo o día

Helicóptero medicalizado

A entrada en vigor da adxudicación do contrato para prestación do servizo de transporte sanitario urxente aéreo da Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061 permitirá, a partir de hoxe, que os dous helicópteros medicalizados, con base en Santiago e Ourense, estean operativos de orto a ocaso e que se incremente o número de horas de voo das aeronaves. Segundo as condicións da contratación, auméntase o tempo de operatividade ás urxencias e ás emerxencias nos meses estivais, nos que o número de horas de sol é maior, e engádense 210 horas ás 640 horas de servizo anual establecidas no anterior contrato para ambas as dúas aeronaves.

Entre as melloras que establece o novo contrato do servizo de transporte sanitario urxente aéreo, para os próximos catro anos, destaca o aumento das condicións de seguridade, do persoal sanitario e dos pacientes, ao esixir que os pilotos das aeronaves posúan un maior número de horas de voo.

Renóvanse, tamén, todos os equipos de electromedicina das aeronaves, o que supón a incorporación de respiradores, bombas de infusión e o resto de material sanitario necesario para garantir a asistencia axeitada de pacientes en estado crítico.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha