Os hostaleiros buscan man de obra para Semana Santa


Cidades como Ferrol, Santiago ou A Coruña agardan unha das semanas máis fortes do ano para sectores coma o da hostalería. A Semana Santa supón o inicio da temporada alta, co que se multiplica a contratación de profesionais para atender a chegada de visitantes. Os hostaleiros quéixanse do complicado que se lles está a poñer conseguir persoal cualificado. Din que as características do traballo, con horarios complicados, e o efecto chamada doutras zonas turísticas dificulta a contratación de persoal de hostalería.

O calendario marca este ano un comezo tardío da campaña para a hostalería, pero á vez con máis garantías de afluencia de visitantes. Comeza unha temporada turística que de aquí a setembro multiplica a contratación de persoal neste sector. Aínda así, os empresarios constatan que cada ano resulta máis complicado atopar profesionais para cubrir a demanda.  

Luísa Barro, xerente da Asociación de Hostaleiros de Ferrol: “A xente ten que traballar cando os demais están de vacacións. É complicado que a xente nova queira traballar neste sector. Moita xente que fixo hostalería prefire outro tipo de traballo”.

Os hostaleiros din que nos últimos anos se fixeron esforzos por mellorar a oferta hostaleira e os servizos que se lles prestan aos clientes. Pero a estacionalización do turismo segue sendo un dos principais atrancos para contar cunha man de obra estable e profesional.