- Esta iniciativa, á que o goberno local destina 40.000 euros, está pensada para paliar os efectos da crise pola Covid-19
O Concello de Vimianzo abre este martes o prazo para que os locais de hostalaría poidan solicitar as axudas dirixidas a paliar os efectos da crise provocada pola pandemia do coronavirus. A partida orzamentaria que a Administración local destinou para este fin ascende a 40.000 euros, e cada negocio poderá recibir unha contía de ata 600 euros.
As bases poden consultarse na páxina web do Concello, e o prazo para solicitar as axudas é de 15 días a partir deste martes, 23 de marzo. As solicitudes presentaranse por vía telemática a través da sede electrónica municipal.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo amosar a súa cautela ante a situación xa que “non sabemos o que vai acontecer en xuño, pois levamos moito tempo pechados e debemos ser precavidos». A rexedora tamén manifestou que desde o goberno local «quixemos darlle prioridade á hostalaría porque é a que máis tempo leva pechada e sen poder facturar; temos a esperanza de que outras administracións colaboren e así poder chegar a unha solución óptima para todas e todos».