Os hoteis triplicaron en decembro o volume de noites rexistradas no mesmo período do 2020

Hotel Nagari Vigo.

Os hoteis galegos rexistraron en decembro algo máis de 200 mil viaxeiros aloxados e de 390.000 noites, cifra que triplica o mesmo dato de 2020, segundo os datos achegados polo INE no informe da Conxuntura Turística Hoteleira de decembro publicada hoxe.
Esta recuperación confirma o avance na recuperación turística de Galicia e supón tamén que no acumulado do ano pasado Galicia superara en case o 90% as cifras de viaxeiros que se aloxaron nos hoteis galegos en 2020, o que nos sitúa como a segunda comunidade autónoma con mellor ritmo de recuperación respecto ao 2020, só por detrás de Baleares no caso do volume de viaxeiros e só por detrás de Baleares e Cataluña no caso da demanda turística.
No acumulado do ano, resultado de sumar os datos dos establecementos hoteleiros no conxunto do ano e dos establecementos extrahoteleiros entre xaneiro e novembro, Galicia leva rexistrados 4,1 millóns de viaxeiros e case 9 millóns de noites.
Unha cifra que sitúa a Galicia como a 2ª CC.AA con mellor comportamento hoteleiro en viaxeiros e pernoitas respecto a 2019 en termos relativos, só superados por Asturias, ao marcar unha recuperación de máis do 70% da demanda turística hoteleira de 2019.
Esta porcentaxe de recuperación sitúa, ademais, ao noso territorio cun comportamento 22 puntos mellor ca media nacional no que atinxe á recuperación da demanda turística no conxunto do ano posto que a media estatal foi do 50% fronte ao 72% de Galicia.

Co 41% nas noites hoteleiras a provincia da Coruña liderou o mercado turístico no mes de decembro, seguido de Pontevedra (38%), Lugo (13%) e Ourense (8%), o que se traduce nunha recuperación de arredor do 70% da demanda de hai dous anos en todas as provincias.