Os IES de Baio e Cee, entre os 56 centros que se incorporan ao programa «Club de Letras»

Un total de 56 centros escolares (a razón de 22 pola provincia da Coruña, sete pola de Lugo, outros sete pola de Ourense e 10 pola de Pontevedra) incorpóranse este ano ao programa Club de Letras, unha iniciativa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou por primeira vez no pasado curso co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas, tanto orais como escritas, do alumnado a través de distintas actividades que fomenten o debate, a reflexión e a lectura crítica.

O departamento educativo da Xunta de Galicia destina un total de 100.000 euros a esta convocatoria, e cada un dos centros recibirá unha achega económica de 1.000 euros para a posta en marcha do programa. Ademais dos 56 centros de nova incorporación nesta segunda convocatoria, dáse continuidade aos 30 que se incorporaron na convocatoria pioneira do ano pasado. Este curso estarán presentes de novo o IES Maximino Romero de Lema, de Baio, máis o IES Agra de Raíces de Cee.

O Club de Letras defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación. Neste marco o profesorado suxire diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan afondar, descubrir e coñecer novos eidos relacionados coas Humanidades, as Artes e as Ciencias Sociais. Fundaméntanse, polo tanto, nunha metodoloxía baseada no descubrimento, a indagación, o debate, a lectura reflexiva, a análise crítica, a creación e a aprendizaxe colaborativa.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha